Os proxectos que se presenten deberán cumprir as Normas do Hábitat Galego e axustarse a un orzamento de execución material de 600€/m2. O Concurso tamén inclúe as categorías para mobiliario de espazos públicos, prototipos de naves agrícolas e forestais no medio rural e a categoría de rehabilitación
Santiago de Compostela, 26 xullo 2008.- O Foro da Madeira convoca o primeiro concurso de ideas para fomentar o uso da madeira no eido da construción, da creación de mobiliario para espazos públicos e da rehabilitación. Esta é a primeira iniciativa que emprende o recén constituído Foro da Madeira co obxectivo de promover unha nova cultura do uso da madeira en Galiza, que aposte pola competitividade do sector a nivel estatal e internacional.
O Foro de Madeira está integrado polas consellerías de Vivenda e Solo, Innovación e Industria e Medio Rural, xunto co CIS-Madeira, o Clúster da Madeira, FEARMAGA, Asociación Galega Monte-Industria e FECEG, que constituíron un foro de traballo e opinión aberto a todo tipo de empresas e institucións vinculadas ao sector.
Este concurso consta de catro categorías, a primeira está denominada Módulo Vivenda e ten como finalidade a obtención dun prototipo de vivenda unifamiliar. A superficie deste prototipo estará pensada para unha vivenda de entre 45 e 120 m2 que utilice a madeira como elemento estrutural e nos compoñentes construtivos da vivenda. A pretensión do Foro da Madeira é acadar un prototipo que permita a optimización da vivenda producida en serie. Os proxectos que se presenten deberán cumprir as Normas do Hábitat Galego e axustarse a un orzamento de execución material de 600€/m2.
O segundo módulo do concurso é definido como Mobiliario para espazos públicos. Esta categoría está pensada paraobter proxectos de mobiliario externo deseñado en madeira que poidan ser aptos para o seu uso en espazos públicos: prazas, xardíns, paradas de transporte… entre outros, que poderán instalarse no medio urbano e rural. Neste caso o Foro da Madeira valorará os proxectos que incorporen elementos innovadores e a súa facilidade de uso e mantemento.
A terceira modalidade do concurso está definido baixo o título de Unidades dotacionais no medio rural. Nesta categoría o Foro da Madeira quere obter un prototipo de nave gandeira e forestal, no que a madeira tamén terá que ser o elemento principal. Tamén se poden presentar propostas para almacéns, puntos de encontro das brigadas de incendios ou casetas de vixilancia.
Finalmente, a cuarta categoría do concurso é a Modalidade de rehabilitación en madeira, e poderán concursar edificios rehabilitados ou reconstruídos en Galiza, nos que a madeira tivese un papel predominante.
Prazo e lugar de admisión
Trátase dun concurso de ideas aberto e nunha soa fase. Tódalas persoas físicas ou xurídicas deberán facer a inscrición antes do 15 de agosto as 14.00 horas na sede do CIS-Madeira ubicada no Parque Tecnolóxico de Galicia, ou por fax ao número 988.36.81.53 e correo electrónico ao enderezo info@cismadeira.com.
Finalizado este prazo, elaborarase unha lista de admitidos que poderán realizar tódalas consultas que consideren pertinentes até o 14 de setembro no CIS-Madeira. O prazo limite para a presentación das propostas será o 31 de outubro de 2008. Tódolos traballos teñen que ser presentados baixo lema, para poder ser examinados polo xurado baixo anonimato. Os premios oscilan entre 1.000 e 6.000 € segundo a categoría á que se presenten.
Toda a documentación relacionada co concurso, poderase consultar na páxina web da Consellería de Vivenda e Solo (www.conselleriavivenda.xunta.es) e do CIS-Madeira (www.cismadeira.com).
Fuente: Consellería de Vivenda e Solo
- Nos vemos en Veteco
- Visita de una delegación de arquitectos dominicanos
- Benito SDC y la Escuela de Cerámica de Avilés
- Benito SDC y el Centro Cultural Internacional Oscar Niemeyer
- El Gobierno de Navarra subvencionará el cambio de ventanas de las viviendas para “mejorar el aislamiento térmico”
- Comunidad Autonómica Vasca
- El Gobierno regional destina 7,3 millones de euros para eficiencia y ahorro energético en la provincia de Cuenca
- Recove Calle Asturias
- Cerrando el círculo
- Acuerdo Insago









